Carballeiras

Carballeiras

Carballeiras

30/07/2017

Aínda que non tan ben tratadas como debían temos, afortunadamente, moitas e frondosas carballeiras entre nós!

Os vellos lembramos a carballeira do Bosque de Cernadas, a meirande quizais de Galicia, que chegaba deica ó Tambre. O bergantiñán ou o dubrés que ía ou viña de Compostela, admiraba aquel milagro da natureza e da previsión dos monxes benedictinos que plantaron e coidaron aquel bosque onde, ademais, había caza. Naquela espesura acobilláronse carlistas, e o mesmo arcebispo Raxoi descansou dos seus traballos deambulando baixo a cuberta vexetal de tal flora e aquí escribiu o seu testamento.

Hai pouco foi recordada aquela xuntanza (banquete lle chamaron) que tiveron en Cernadas o carballés Alfredo Brañas eo arteixán Manuel Martinez Murguía.  Os dous eran grandes galeguistas, pero Brañas era tradicionalista e Murguía era liberal.

A pobreza dos anos 1.940 – 50 fixo que a secular carballeira fose desaparecendo. Había que quentar as casas dos anciáns acollidos nos asilos de Santiago, tanto en R/ Carretas como no Camiño Novo. Despois, plantaron eucaliptos.

En Bergantiños a carballeira máis enxebre e mellor coidada pensamos que é a de Cances. Hai exemplares cheos de vitalidade que parecen ser os avós daquela familia ou arboreda.

A súa pervivencia encomendámoslla a San Campio, militar, que ten alí a súa capela. Coa súa espada defenderá a carballeira ante quen quixera atentar. Pero tanto párroco como fregueses son celosos custodios do que é o emblema e fama da parroquia de Cances.

Sombranceira e ben famosa é a carballeira de Zas, con tantos e tan ben coidados exemplares que causan admiración a quen chega alí por primeira vez. Conservemos  esta carballeira, cobiza de tantos amantes da natureza e dos defensores das árbores da nosa Terra.

O río Dubra navega cara o Tambre por diante dun tapiz vexetal constituído por carballetes que animan a viaxe do río, pola vertente dereita. Son familias de exemplares de pequeno altor. Por iso están civilmente protexidas. Alí viven o lagarterio, o miñato e a laverca, entre outras especies de fauna.

Reboredo, Cornes…na vertente isquerda do Dubra, teñen robustos carballos que xustifican a toponimia. Pero toda Galicia proclama que esta foi terra de toda clase e xéneros de carballos