Día das Letras Galegas

Día das Letras Galegas

Día das Letras Galegas

13/05/2017

Tanto os organismos oficiais (Xunta, Universidade) como a prensa e a nosa experiencia, dinnos que cada vez hai menos galegofalantes. Pero endexamais houbo tantas clases de galego na ensinanza, nin tantas gramáticas, nin tantos estudos, revistas especializadas… que tratan a lin gua galega. Teses doutorais, diccionarios…, pero nas capas máis novas da sociedade galega, o idioma vaise perdendo. Hai falantes galegos que usan o idioma coma unha liturxia ou protocolo.

A frasedosía, o tono… descobre se o falante é un converso, á lingua galega.

Foi o mundo rural e mariñeiro o que conservou o galego. Agora ben, esta poboación vai avellentada e en diminución.

Así como o inglés vai invadindo o castelán, así o galego vai perdendo ante a lingua castelá.

Pero tamén hai grupos galegos, especializados, que causan certa perplexidade coas variantes que introducen, ante os que falamos galego desde o berce e tras xeracións que só ese idioma coñecían.

Por iso, está planteado o problema sobre a identidade da lingua de Galicia. Esta crise chega á mesma Real Academia Galega. Se pensamos que para sobrevivir ten que entregarse á corrente lusista, daquela pasamos dun informe dramático (vide Alonso Montero) a unha situación optimista. Resultaría que o noso idioma ten, polo menos, 300 millóns de falantes.

Agora ben. Se temos o galego como o latín galaico que dicía Valle Inclán, resultará que a nosa lingua é nai do portugués, pero non evolucionou c oma el porque houbo unha separación política entre a nai e a filla (Vide Carballo Calero). Mais ben o galego criouse cunha irmá, que é o castelán. Houbo influencias mutuas (Vide Crespo Pozo). Por exemplo, compárese a sonoridade das vocais galegas coas do protugués. E non digamos xa coas vocais brasileiras (vide  Carlos Casares).

Defendemos a autonomía e identidade do galego. Hai países como Holanda, Dinamarca, Letonia, que tamén teñen linguas propias, anque faladas por poucos habitantes.Non por iso se entregan a linguas de grandes países, con moitos habitantes.

A realidade pídenos a todos, tamén ós galegos coñecer, escribir e falar linguas que nos permitan dialogar coa meirande parte da humanidade, sen esquecer o idioma propio. Pero tanta normativa vacilante entre o fonético, o etimolóxico e diferencialista, non favorecen nada o uso do galego.