Imaxes de Nosa Señora das Dolores

Imaxes de Nosa Señora das Dolores

Imaxes de Nosa Señora das Dolores

27/05/2017

Devoción  tradicional, con base expresa no Evanxeo. Pero tivo gran impulso na diocese cando o arcebispo frai Rafael de Vélez, capuchino, puxo o Seminario Conciliar por el fundado (1.929) baixo o patrocinio da Virxe das Dolores.

Encargou unha imaxe ó escultor Elixialde, lugués que veu para Compostela (Noticia que debemos a D. José Couselo Bouzas). A obra deste artista pasou á capela do seminario (daquela no edificio San Clemente) e despois veu para S. Martiño Pinario cando este edificio, en tempos do cardeal García Cuesta, pasou a ser sede do Seminario.

É unha imaxe prodixiosa. Coa mirada ao infinito coma se as súas dolores tamén fora ofrenda a Deus, con Cristo Redentor. Mans entrelazadas, de muller orante. Inspira paz.

A imaxe da Virxe das Dolores de Carballo pertence ás que xa son esculpidas para formar en un Calvario.  Descubrimos isto en que María ten a mirada cara o lado esquerdo, e ao alto pendente do Crucificado que, pensamos, quizais fose o Cristo que pende sobre o altar da igrexa. Tamén habería un  S. Xoán Evanxelista, que pode ser o que está na mesma igrexa, mirando cara o lado dereito co tinteiro no pico da águia e pruma para escribir aquel solemne relato: “Á beira da Cruz de Cristo estaba súa nai, nai…” (Xoán XIX,25).

O escultor da Virxe Dolorosa de Carballo foi José Rivas, obra súa do 1.929, asegún nos informa Desiree Domínguez Pallas, estudosa da arte relixiosa no concello de Carballo.

Esta mesma profesora infórmanos de que, a finais do século XIX había en Carballo unha imaxe, de vestir, da Virxe das Dolores. Coidamos que sería a mesma que hai hoxe, tan venerada pola cofradía do seu nome.

Velaí unha obra admirable daqueles escultores da escola compostelá da primeira metade do século XX. Hoxe todos desaparecidos.