San Xoán I

San Xoán I

San Xoán I

03/06/2017

O mes máis esperado, máis querido. Todo é plenitude. Días largos, sen as brétemas, sen as humidades e reumas do inverno; as cereixas xa chegadas anuncian as colleitas que agroman nas agras; froitais cubertos de verdor…verde esmeralda nos comezos da primavera, verde intenso no verán, que rematará en ouro vexetal no outono. Velaí a maravilla do proceso da natureza. O mar, que foi gris no inverno, que batía nos rochedos, agora é manso, verde ou azul, asegún os días. Maino, tenro, espera moitos visitantes nas súas praias. Metamorfose das ondas que adornan de brancores o areal loiro e quente.

O Sol aló no alto, no medio e medio, non deixa sombras en ningures, relocen tódalas cores e recunchos.

O arrecendo do fiúncho, os caraveis nas silveiras, as lendas que hai en cada penedío, en cada congostra, cova ou muíño.

O Sol, adorado polos galego-celtas dende o cumio dos castros, domina todo. Canto máis subía, máis preto estaba o galego do Sol e da Lúa, por iso nos cotóns tiñan aqueles astros o seu culto. Sen Sol, sen Lúa non hai anadas. Do Sol e da Lúa tamén veñen os castigos: enchentes, lóstregos, pedrazo…todo cae de enriba de nós. Había que telos a ben.

Homenaxe ó Sol é a cachela de San Xoán. Esa noite tan pequena tamén terá luz, pois todo iso merece o Sol é a natureza. Con cachelas no curuto dos castros, comunicábanse as tribos na prehistoria.

Os romanos, cando ó noso Fisterra chegaron, viron con tremor relixioso o pór do Sol. O milagre á vista estaba. Endexamais tan lixeiro tiña que percorre-lo Sol o fondo do mar, para aparecer en poucas horas  no outro lado e comezar así un novo día. Axioma de ancestrais culturas para as que a terra era plana e queda, non esférica nin en movemento. O Sol chegaba, pois canso, sen resollo, pero con alegría e honra da cachela, estaba disposto a un novo día. Por iso, tódolos bergantiñáns teñen visto ó Sol bailando na alborada do día de San Xoán.