San Xoán II

San Xoán II

San Xoán II

10/06/2017

Os valados, leiras, prados, montes, están cheíños de flores multicolores. Natureza rebentando de vida, abrochando, variada. Pero o ano podía traer moitos males. As meigas, tan agudas, entraban polos buratos que hai debaixo das tellas. Alí, polo tanto, había que enramar casas, cortes e pallotes para esconxurar os males de todo o ano.

Máis aínda, lavando a cara na auga das herbas que recibiran o resío da noite, o bergantiñán bautizábase na vella cultura e no San Xoán. Quedaba defendido contra meigas, males de ollo, aires e ventos maléficos, e cheo da vitalidade da natureza.

As sardiñadas que se fan polo San Xoán entendemos que son derivación daquilo de “A sardiña polo San Xoán molla o pan”. Non nos parece que sexa algo tradicional no interior bergantiñán, pois aló non chegaba o pescado.

A liturxia cristiá, que evanxelizou e encarnou na nosa Terra, pon nese día e mes, a festa de San Xoán Bautista. O santo é a alborada. Xesús, Noso Señor, é o Sol,  Santa María é a Lúa.

A natureza é mestra, ensina a quen a mira de boa fe, coma se fose un retablo barroco ou un Pórtico da Gloria, un catecismo que nos fala de Deus.

Desde a Lagoa de Alcaián ata o Monte Neme, Bergantiños está transido de  evocacións sobre o San Xoán. Nesa noite, tan pequena para que as meigas poidan facelas súas facaltruadas, como teñen pouco tempo, tolean, e así os carros poden desaparecer dos pallotes, as portelas fuxen cara ó monte…calquera cousa pode pasar.