Ten nome divino, as musas eran algo moi sublime na mitoloxía romana. A música, di un vello proverbio, “amansa ás feras”, pero expresa os máis nobres sentimentos da persoa humana. A gaita galega canta e chora, os humanos expresamos a nosa alegría no canto, e ás veces tamén nos laiamos melodiosamente cantando os nosos pesares.
Aquela abundancia de paxariños que había na nosa terra galega, (antes de tanta contaminación) eran mestres solitarios que, xa de nenos, observabamos e imitabamos.
Na ribeira do mar, os que tiveron a fortuna de vivir en pobos mariñeiros, teñen a cotío o son das ondas e o compás das mareas.
Canta o mar melodías suaves, e, ás veces, uns fortes, ou fortísimos, con silencios que fan tremer ós moradores das fermosas praias, que no verán son un sosego para ós ánimos.
O mar, pois, a pesca, as lanchas aparecen nos alalás das voces ribeireñas. O oído humano, anque non saiba de escalas e acordes¸ ten unha estructura, un gusto, que permiten crear cántigas coas que acompañar, adornar os traballos de cada hora.
Nalgún tempo poidemos pensar que o noso canto popular era algo rural, a esquecer, pero agora decatámonos de que, esa armonía de texto e voz son un arte que ten fundamentos no canto gregoriano, secular, que deriva dos nosos mosteiros. Hai estudos sobre isto.
Hoxe, e ogallá por moitos anos, van xurdindo nas nosas vilas e pobos, agrupacións corais que cultivan, crean, educan na cultura musical, como debe ser nun pobo adiantado.
Non me refiro xa aos cantos de Nadal, que son un tesouro que renace cada tempo. Refírome agora a ese esforzo de amantes da música, non profesionais, que poñen o seu tempo a disposición de quen queira cultivar a arte máis nobre entre as manifestacións artísticas humanas.
Carballo, Corme, Malpica, Baio, Canduas, Padrón, Pontedeume… e as clásicas corais de Cántigas e Agarimos, Toxos e Froles, de Santiago e Ferrol, De Ruada de Ourense… e de case todas as vilas e cidades galegas, son un patrimonio cultural que debemos soster.
O esforzo común, a xuntanza de tantos días, o sacrificio que para todos supón, causan admiración nos que temos a fortuna de escoitar as intervencións que se programan nas parroquias e centros culturais.
A formación musical está crecendo, xa hai cátedra de música nas universidades, nos institutos. Todo aventura que irá a máis o cultivo da música entre nós.
Hai a música das verbenas, que desterrou ás bandas nas festas parroquiais. A mocidade pide iso. Os que xa temos certa idade preferimos a sonoridade da voz humana, a sincronía dos seus acordes. Cando todo vai dirixido por man experta que domina ás voces, xa ben conxuntadas polo director, sentimos toda a beleza armónica que nos fai felices e cura as nosas eivas.
Que non cansen as nosas corais de seguir ilustrándonos e acompañando a loita por vivir e seguir adiante.
Gloria e recoñecemento para eses grandes directores de corais como foron Bernardo del Río, Rosendo Mato, Manuel González. Sucedidos hoxe polo florecemento e vocación de novas xeracións que, animosamente, manteñen e fan evolucionar o noso acerbo cultural da música coral.