A Asociación ambiental Senda Nova vén de publicar o Nº 1 de septembro 2.020 do seu boletín, co título xeral “Por un Rural xusto”
Felices poden estar Bergantiños e Soneira por tantas asociacións e personalidades de varias ramas científicas que se preocupan por esta terra.
Ademais de estudar, percórrena, visítana, e así pódennos instruír dos bens que atesouran Bergantiños e Soneira, dos males que as poden botar a perder.
Lumieira, Instituto de Estudos Bergantiñáns…vieiro teñen as súas publicacións. Ademais libros patrocinados por entidades civís que coñecen o labor cultural que fan estas asociacións.
Benvida, pois, Senda Nova ó eido das letras, que son testemuña permanente do esforzo das mellores plumas que teñen hoxe Bergantiños e Soneira.
Na portada do número que temos diante, vemos un camiñante, coa vara na man e a mochila ó lombo. Velaí un socio ou amigo de Senda Nova botándose ó camiño con ilusión.
O patrimonio do noso rural, visto con mirada ecolóxica, ambiental, científica, histórica… velaí a síntese dos traballos que vemos neste exemplar de Senda Nova. Ademais dunha presentación inmellorable na calidade do papel, das fotografías e da clara impresión.
As feiras, por Xosé Rodríguez Vázquez; as lendas do Cotón de Ferreira, por Martín Rabuñal Andrade; Baldaio no recordo, por X. Antonio Andrade; o megalitismo en Nantón, por Evaristo Dominguez Rial; a vida na aldea, por Miriam Sánchez Canedo; o castro de Cerqueda, por Xosé Manuel Varela Varela; o Río Anllóns, por Xan X. Fernández Carrera; Mercados Semanais, por Alberto Liñares Lamas.
Un rural xusto, polo Colectivo Xebre; as dunas bergantiñáns, por Cosme Damián Romay Cousido; entrevista a Rafael Vázque Graña, experto herpetólogo; as Gaivotas, por Xabier Varela Varela; a loita contra a enerxía eólica, pola Plataforma Non máis Eólicos; o Monte Neme, por Adrián Eirís Torres; Baldaio na encrucillada, anónimo; Agricultura tradicional, por José Ramón Nogueira; entrevista a Carmen García Chouciño;Déficit de natureza en tempos de corentena, por Eva Cameán Pensado; La gran travesía, por Mario Fernández Suárez; Launi en el recuerdo, por Leopoldo Álvarez Souza.
Velaí a variedade de artigos e temas propostos á nosa consideración.
Na contraportada, dinos Senda Nova cómo debe ser a proteción dos nosos ríos.
Que teña moita e florecente vida esta publicación. Fará moito ben. Parabéns