Non sei como serían as do S. Xoán nos anos 1.937 e 1.938. Estabamos na guerra civil, de tristes recordos para todos. As hemerotecas falarán daquelas festas. Quizais algúns veteranos carballeses teñan noticia.
Pero se deixamos eses anos, coido que as do ano 2.020 serán moi recordadas. A pandemia impuxo as súas condicións e velaí que non podemos ter festas como era tradición en Carballo.
Cavilando, vexo que S. Xoán, o patrón de Carballo é un santo austero, penitente, ecoloxista. De severa fala pedindo a conversión. Pois fagámoslle ó santo o agasallo das nosas privacións.
- Xoán guíanos e amósanos ó Año de Deus.
A custodia tradicional de Carballo leva un templete no que figura a imaxe do Año de Deus, que é Xesucristo, o Señor Sacramentado.
A Eucaristía carballesa deste ano sobresae pola caridade de particulares e empresas. Se non fora polos seus donativos, a Cáritas Interparroquial de Bergantiños non podería exercer a función de asistencia a tantas familias que o pasan peor en circunstancias coma éstas. Polo tanto, boa celebración. A Eucaristía é sacramento de amor, de unidade. Parabén a cantos colaboran doando, distribuindo, descubrindo necesidades.
- Xoán Bautista era pariente lonxano de María, a nai do Señor, pois ésta era familiar de Sabela, a nai de Xoán.
Guiados polo Bautista tamén veneramos a María Santísima na tradicional advocación do Carmelo. San Pedro de Mezonzo dixo que este mundo era un “val de bágoas”. Este santo era de terra adentro. Se fose da ribeira do mar diría que “o mar é un val de bágoas”. Hai ondas feras que temos que superar. Para iso, a guía da Raíña dos Mares, Estrela do Norte. “Para mariñeiros, nós”·, din os galegos. Sobre todo os da Costa da Morte que saben da bravura dos mares. Que María, Nosa Señora do Carme, guíe a nosa lanchiña, a nosa vida, para que poidamos arribar ó porto da Salvación.