NO POEMA “OUH, TERRA DE BERGANTIÑOS”
O noso Autor ten unha visión idílica desta súa terra. O cumio dos versos está na estrofa que dedica a Nosa Señora:
“Virxe garrida que tendes /vosa capela ben feita / onde fan o seu niño as aguias / sobre o alto de Ferreira”.
Neste alto de Ferreira hai unha concentración de historia medieval que puido ser tema para o poeta. Alí, o conde de Altamira tivo preso ó arcebispo Fonseca II. Mesmo pensamos que nesa antiga fortaleza empezou o dominio do famoso conde de Traba, Pedro Froilaz.
Glosar, en verso, este pasado sería congruente con tantas fantasías inspiradas na que Pondal descubre guerreiros celtas por Bergantiños. Pero Pondal, deixando o tema histórico, ve, no alto de Ferreira unha capela adicada a Nosa Señora. Un acerto, pensamos, do noso bardo Pondal.
“E TI, CAMPANA DE ANLLÓNS”
A campana ten un son variante asegún a situación de festa ou loito. Algo semellante pasa coa gaita galega. Cantan ou choran. Pero a campana sempre se oe con emoción e resoa no fondo da alma.
Expresamente Pondal di: “Cando doída tocabas / polas tardes á oración/ campana, sempre falabas / palabras con que cortabas / as cordas do corazón”.
En Rosalía, no poema “Campanas de Bastavales” tamén hai esta evocación: “Vén a noite, morre o día / as campanas tocan lonxe / o tocar do Ave María”.
Nos poemas de ambos poetas tamén hai lonxanía, tanto de Ponteceso como de Bastavales. Velaí unha coincidencia no espíritu relixioso suscitado polas campanas tanto en Pondal coma en Rosalía.
Continuará