Foi na carballeira do mosteiro mercedario, xa desamortizado polo Estado, e coidamos que antes de mercalo o cardeal García Cuesta para poñer alí o célebre sanatorio para enfermos mentais, que abundaban en Galicia.
Tanto Aurelio Aguirre como Eduardo Pondal pronunciaron brindis, pois foran os principais organizadores.
Velaquí as palabras que suscitaron inquedanzas na xerarquía católica.
Aguirre dixo: “Cristo es hijo del pueblo / al nacer de un honrado carpintero / desnudo en un portal / lección sublime ofrece al mundo entero”.
Seica o chamou García Cuesta que se amosou compasivo co poeta. (Non así o seu secretario, un dominico).
De alí a 20 días, Aguirre publica estas palabras: “A mis calumniadores”. “Pura la religión guardo en mi pecho del hombre justo que murió en la Cruz”.
Coidamos, pois, que para Aguirre non houbo censura canónica algunha.
E para Pondal?
Sabemos que de alí a cinco meses e cinco días, manifestou o seu arrepentimento.
No diario El País, de 3- VI- 2011, aparece unha carta do párroco de Ponteceso, D. Manuel Antonio Pose y Soto, dirixida ao cardeal García Cuesta suplicando lle conceda autorización para absolver da excomunión a Eduardo Pondal, do que fala moi ben así como da súa familia. O poeta, de 21 anos, está moi arrepentido e chorou por ter feito tal brindis. O propio Pondal engadía unha nota, autógrafa, solicitando a venia.
A solicitude do cura párroco de Ponteceso foi achada no Arquivo Diocesán por Juan Félix Neira Pérez, profesor de Xeografía e Historia no IES de Ponteceso, que investigaba sobre a nosa literatura romántica. A el debemos o artigo que citamos do diario El País.
Supoño que sería concedida a gracia solicitada.
O temor do cardeal estaba en que as palabras pronunciadas poderían incitar á loita do pobre contra ó rico. Temor a unha revolución tamén o houbo nas autoridades civís, pero non pasou diso.
Continuará
Pero lendo o texto do brindis pronunciado por Pondal (V. Biblioteca 120 Galega e D.E.G.U, de La Voz de Galicia) atopamos uns versos que merecen toda louvanza, tanto desde o punto de vista literario como do relixioso.
No longo poema, por tres veces nomea a Dios como defensor do obreiro, lexislador da xustiza social, loitador contra a escravitude.
Isto non pode merecer ningunha censura, senón admiración por esta fe proclamada en intre tan solemne.
¿Cómo explicar esta diferencia da información que nos chega sobre a excomunión e o admirable texto do brindis?
O noso modesto parecer é que, Pondal, que tanto correxía os seus poemas, tamén fixo unha edición definitiva do seu brindis que é a que foi dada a coñecer.
Como exemplo de perfeccionismo no noso poeta temos o caso de “Os Eoas”, obra da que escribiu dúas versións. “Elios” en grego é Sol. Os Eoas son os fillos do Sol, os celtas, os galegos. Poema póstumo publicado no 1992, tomado dos papeis que Pondal legou á Real Academia Galega. Conta as grandezas de galegos en América: Colón e outras. Nesta obra di o Autor: “Os españois levaron a Fe de Cristo a América, como os novos San Pedro e San Pablo.
Consecuencia. Pondal levaba no seu corazón tanto a súa terra de bergantiños, como a Fe Cristiá que herdara por tradición familiar. Por iso quixo ser sepultado co hábito franciscano.
En medio do 2.020, o profesor Neira Pérez deu a coñecer o seu traballo sobre “O santuario do Briño. Paraíso de arte e natureza en Cabana de Bergantiños”. Informa que na confradería de Nosa Señora do Carme daquel santuario figura o nome de Eduardo Pondal. Como era costume, finado o poeta, alí houbo unha misa en sufraxio do mesmo.