San Mamede de Seavia.-Para valorar a obra actual, temos que pensar en tempos pasados. Aquí había unha igrexa románica de planta basilical, moi deteriorada. Chegou ó século XX unha fachada do século XVIII e torre adosada no século XIX.
O párroco D. Santiago quere restaurar unha igrexa en ruinas e facer unha sobria, digna, para o servizo da freguesía. Debidamente asesorado e autorizado, aproveitarase todo o chan da obra anterior e as súas liñas marcarán o deseño da nova, aproveitando materiais. Así temos agora edificio capaz, con apariencia de tres naves e contrafortes como tiña a precedente dado os anchos que se ocupa. Hai columnas, capiteis e canzorros orixinais; outros, de nova feitura. Será labor de peritos definir cales son uns e outros.
Non se trata dun pastiche (como algúns setenciaron) senón unha obra sensata, útil, nobre.
Santiago de Sísamo.- Aparece no Inventario Artístico de Galicia de Anxel Castillo (1.825-1.961) pero non noutras obras posteriores que catalogaron as igrexas románicas. Sen duda a igrexa de Sísamo tivo moitas ampliacións no largo, ancho e altura.
Non quedaron máis románicas que as altas columnas do arco triunfal. Quizais tanta obra fixo que se desviasen un pouco na súa virtualidade e houbo que arrimarlle construccións anexas.
Un caso semellante ó de Sta. María de Sar, anque alí a desviación é máis notoria e os contrafortes moi poderosos por ambos muros das naves.
San Andrés de Tallo.- Reconstruida en época moderna, conserva románica a ventana que decora o testerio, cegada tras poñer no interior un retablo barroco.
Esa ventana está formada por un arco de medio punto sobre columnas. Catro lóbulos adornan o arco. Habitual é que estes lóbulos sexan cinco ou tres. Pertencen ó século XII ou comenzos do XIII. Hainos na Catedral na fachada das Praterías.