Non sabemos moi ben como será, pero temos as lembranzas de anos pasados. Botaremos de menos o Pregón que pronunciaron cada ano personalidades da ciencia, da arte, da política. E así, sen interrupción desde 1.977.
As alboradas do día de S. Xoán son claras, esperando ó Sol sanxoaneiro, que ilumina en vertical, non hai sombras. Vese o sorriso na xente. A media mañá, antes da Misa grande, a Banda de Corme, a de Suso de Basilio, xa está na Praza do Concello. Todos os músicos ben uniformados, tocan baixo a batuta do esclarecido mestre e compositor. A música da banda serena os ánimos, produce optimismo, acae co verdor das álbores, ca alegría dos nenos, cos neocomulgantes da parroquia.
O Himno Galego, o pasodobre Ponteareas do mestre Soutullo, Alborada de P. Veiga, Negra Sombra de Montes e algunha peza da autoría de Méndez Torrado… son obras obrigadas para a mañá carballesa de S. Xoán.
Na Misa grande escoitaremos a invocación ao Santo Patrón que o noso alcalde, Evencio Ferrero, por décimoquinta vez consecutiva vai ofrecer nun galego bergantiñán de orixe clásica.
Na procesión, unha imaxe de canon menor, inxénua, amada polos carballeses. Esa simplicidade do santo patrón, fálanos dos nosos excesos do noso confort.
O día da Festa Sacramental (que dirían os nosos maiores) ten un carácter solemne e reparador. Dígoo porque nos doe o sacrilexio destes días pasados nunha igrexa de Santiago. Falamos tanto de libertades, de respectos e profanamos algo tan indefenso como son as especies sacramentais que custodiamos nos sagrarios. Cada xoves, en Carballo, son días eucarísticos, e as súas tres custodias proclaman a devoción eucarística dos antepasados.
A procesión, a máis solemne e concurrida. Un bergantiñán de pro, que nos visitou un ano (Tony de Seárez),chegado de Montevideo, dixo aquilo de: “Había máis xente na procesión ca na verbena”.
Falando de actualidade.- Unha imaxe pétrea, do século XIV, aparece na canle do río Sar, en Santiago. De gran valor, din os expertos. Quizais estivese presidindo unha antiga fonte que en Conxo había. Bo sitio para unha imaxe mariana. Como a fonte desta auga, elemento imprescindible para a nosa vida, así tamén María, presente en tantas advocacións (a máis popular a do Carme) fai que teñamos grazas de noso Señor para calmar a nosa sede de paz e felicidade.